Como xa sabedes o pasado día 8 de marzo conmemorouse a nivel internacional o Día da Muller Traballadora, e como se nos xuntou cos días do Entroido ,decidimos trasladar a súa celebración para o pasado venres.
Ademais de estar a falar e tratar o tema nas aulas, na Biblioteca tamén quixemos facer algo especial.
Pola tarde xuntámonos todos a escoitar e aprender da man da figura feminina máis entrañable de tódalas familias: as avoas.
Invitamos á nai dunha mestra do cole, amosounos como o paso do tempo foi cambiando a sociedade na que vivimos e a visión da mesma sobre a muller.
Cada palabra estaba chea de recordos e anédotas que aos oídos dos nenos semellábanse contos imposibles, que a algún lle fixo soñar…
Mesmo trouxo fotografías daqueles tempos onde puidemos ver como se traballaba daquela e… como aínda hoxe segue a traballar!
Os nenos prepararon preguntas nas aulas que logo tiveron resposta coa avoa Inés.
Unha experiencia que quixo dar a importancia que se merece á muller dentro da sociedade, e sobre todo o respecto e a valoración aos nosos maiores. Unha actividade chea de valores e contidos, non só para os nenos, se non para tódala comunidade educativa.
Mirade cantos netos lle saíron… que non, son os alumnos de 2º , que non dubidaron en facerse unha foto coa nai da profe Andrea!
Moitas grazas avoa Inés, moitas grazas polo teu tempo e a túa entrega!
Lémonos. LEO.
Ningún comentario:
Publicar un comentario